NORMAS DE PUBLICACIÓN
1. Cuestións xerais
1.1. A Revista Galega de Filoloxía dedícase á publicación de traballos de investigación de contidos lingüísticos e literarios do ámbito galego-portugués. Recensións de obras sobre algún tema relacionado cos estudos lingüísticos ou literarios en xeral, ou cos galegos e portugueses en particular, poderán ser obxecto de consideración para seren publicadas.
1.2. Todos os traballos presentados á Revista Galega de Filoloxía deberán ser orixinais e inéditos. Non poderán ter sido publicados previamente noutro formato ou lingua nin estarán sendo obxecto de revisión noutra revista.
1.3. Os orixinais deberán enviarse en versión electrónica, en formato ".doc", ."docx" ou ".odt". Solicitarase un informe avaliador mediante o sistema de revisión por pares cegos (double-blind peer review process), cuxas observacións serán comunicadas ao autor ou á autora para a súa consideración. Os orixinais non serán devoltos. Caso o traballo precisase correccións, á vista dos informes do par anónimo de especialistas, o autor ou autora disporá de 15 días para devolver o orixinal corrixido.
1.4. Para o proceso de edición dos contributos, a Secretaría da Revista Galega de Filoloxía enviará ao autor ou autora unha copia, coa finalidade de efectuar as correccións tipográficas, ortográficas e de estilo que estimar oportunas, sempre que tales modificacións non supuxeren alteracións importantes do texto. Esas probas deberán ser devoltas no prazo máximo de 15 días. Se, unha vez finalizado ese período, o autor ou autora non notificar ningunha mudanza, entenderase que concorda coa edición.
1.5. As linguas de publicación son o galego, o portugués e o inglés. A publicación noutras linguas será estudada en cada caso polo Consello de Redacción.
2. Redacción e organización
2.1. As colaboracións serán de tres tipos: artigos, notas e recensións. A tipografía deberá ser Times New Roman, tamaño 12, con entreliñamento sinxelo. Para os artigos en versión orixinal márcase un mínimo de 30.000 caracteres e un máximo de 50.000, espazos incluídos; para as notas, un mínimo de 15.000 caracteres e un máximo de 25.000, con espazos; e para as recensións, un mínimo de 8.000 caracteres e un máximo de 15.000, con espazos.
2.2. De acordo coa macroestrutura do texto dos artigos e notas (véxase 2.3.), figurará, en primeiro lugar, o nome do artigo ou da nota en tipografía negra ou grosa e na liña seguinte aparecerá o nome do autor ou autora. Nunha nota a rodapé, marcada con asterisco, indicarase o orcid, correo electrónico e filiación académica. Os artigos e as notas incluirán un resumo (extensión mínima 600 caracteres e máxima de 1000, con espazos incluídos) e cinco palabras chave, xunto co respectivo abstract, as correspondentes key words e o título en inglés. Igualmente, incluirase un sumario na lingua orixinaria e en inglés. Caso o traballo estivese redixido en inglés, deberán inverterse as linguas nestas seccións.
O texto debe organizarse cun máximo de tres niveis de encabezamento, numerados de forma consecutiva e destacados con tipografía negra. Se no texto houber exemplos, estes deberán transcribirse en parágrafos á parte e con numeración arábiga entre parénteses.
Se houber cadros, gráficos, mapas, tabelas etc., deberán estar inseridos no lugar correspondente do texto. Ao mesmo tempo, recoméndase o menor número de notas posíbel que, en todo o caso, deberán figurar no rodapé, con tamaño de fonte de 10 puntos. Alén disto, se o contributo for realizado no marco dun traballo de investigación ou se contar con algún tipo de financiamento, deberá indicarse en nota de rodapé, con asterisco na primeira páxina.
Se se desexaren incluír agradecementos a persoas ou institucións, serán colocados após as conclusións e antes das referencias bibliográficas e non levarán numeración correlativa a respecto do resto das seccións.
No final do documento deberán disporse as referencias bibliográficas citadas ao longo do corpo do traballo, en orde alfabética e sen numeración consecutiva.
2.3. Modelo de folla de estilo
Título
Autor/a
Resumo
Palabras chave
Sumario
Title
Abstract
Key words
Contents
1. Sección
1.1. Subsección
1.1.1. Parte
Agradecementos
Referencias bibliográficas
Apéndice
Rodapé
* Orcid. Nome.do.autor(a).@uxx.xx. Filiación académica
2.4. As recensións irán encabezadas pola referencia bibliográfica completa da obra que se comenta (Nome do autor ou autora da obra, Título, Cidade, Editora, ano, número de páxinas). Ao final, figurará o nome do autor ou autora da recensión.
2.5. No que se refire aos sinais e convencións tipográficas, sinálase o uso das seguintes indicacións:
- A utilización de colchetes con reticencias […] fica reservado para a elisión de excertos nun texto; de se elidir un fragmento nunha citación literaria en itálica, os colchetes terán de ir en tipografía redonda normal.
- A utilización das versaletas no corpo do traballo só servirá para as etimoloxías: clavum > cravo.
- Os trazos medios (–) empregaranse cando equivaleren ás parénteses e os curtos (-) fican reservados para as enumeracións no texto e para a unión de palabras que precisaren deles.
3. Sistema de citación
3.1. O modelo de citación que se seguirá na Revista Galega de Filoloxía responde, con mínimas adaptacións, ao estilo APA (American Psychological Association). Nesta sección expóñense as directrices para citar correctamente.
3.2. Citacións e referencias no corpo do texto:
- As citacións textuais dun autor ou autora irán enmarcadas dentro do corpo do traballo, se non excederen as tres liñas, e transcribiranse entre aspas duplas altas (“”). Se foren superiores ás tres liñas, disporanse con tabulación de 2 cm polo lado esquerdo e cun só espazo de entreliñamento entre o parágrafo anterior e o seguinte. Estes textos, sen aspas e sen itálica, deberán ir en tamaño 10.
- Ao final das citacións, tanto nas que fan parte do parágrafo como nas de parágrafo á parte tabulado, deberá figurar a seguir a referencia segundo o modelo (Autor/a, ano: páxina). Se o enunciado xa incluír o nome do autor, só aparecerá inmediatamente a seguir o ano da publicación e as páxinas entre parénteses (ano: páxinas).
- Caso existisen varios apelidos, deberán citarse tal e como aparezan nas referencias bibliográficas: (Apelido, Apelido & Apelido, ano). Se houber varias citacións do mesmo autor ou autora e do mesmo ano, recorrerase ás letras segundo este modelo: (Autor/a, anoa: páxinas) / (Autor/a, anob: páxinas).
- Non se contempla o uso de abreviaturas latinas (i.e., id., ibid., op. cit., opus cit. vid. etc.).
3.3. Referencias bibliográficas:
- Ao final do texto, deberá figurar unicamente a bibliografía que se cita ao longo do traballo, encabezada pola lexenda “Referencias bibliográficas”, sen numeración correlativa.
- As referencias bibliográficas disporanse segundo os modelos que se indican máis abaixo. Igualmente, é preceptivo incorporar como ligazón o DOI (ou URL permanente) de todas as obras que o posuíren. Para verificar a existencia deste identificador público pode consultarse o portal de procuras de Crossref.
- De se empregaren siglas para a citación no corpo do texto, estas deberán incluírse no lugar que lles corresponda alfabeticamente seguidas do símbolo = e da referencia completa da obra.
- Se un traballo estiver no prelo, indicarase o ano (caso haxa certeza sobre o ano en que vai ser publicado) e deberá pórse “No prelo” ao final da referencia. Se for inédito, constará a palabra “Inédito”, coa recomendábel indicación do tipo de documento (tese de licenciatura, tese de doutoramento, traballo fin de mestrado etc.).
3.3.1. Libros
a. Libro de autoría individual ou múltipla (como autor ou autora, director ou directora etc.)
Mariño, Ramón (2017).Fonética e fonoloxía históricas da lingua galega. Vigo: Xerais.
Costa Casas, Xoán Xosé, González Refoxo, María dos Anxos, Morán Fraga, César Carlos, & Rábade Castiñeira, Xoán Carlos (1988). Nova gramática para a aprendizaxe da língua. A Coruña: Vía Láctea.
Burger, Marcel, & Martel, Guylaine (dirs.) (2005). Argumentation et Communication dans les Médias. Coll. Langue et pratiques discursives. Québec: Nota Bene.
Cirelli, Renira Appa de Moraes (2005). Polidez Lingüística nas Conversações de Telemarketing. São Paulo: Universidade de São Paulo. Dispoñíbel en http://www.tese.usp.br./teses/disponiveis/8/8142/tde-01082006-142049 (Consultado en 21.07.2016]).
Cancioneiro da Ajuda (1994). Lisboa: Távola Redonda.
EDP = Vasconcellos, José Leite de (1987) [1901]. Esquisse d’une Dialectologie Portugaise. Lisboa: Instituto Nacional de Investigação Científica.
b. Libro con máis de unha edición
Freixeiro Mato, Xosé Ramón (2020) [1997]. Lingua galega. Normalidade e conflito. Santiago de Compostela: Laiovento.
c. Obra publicada en anexos ou monográficos dunha publicación periódica
Souto Cabo, José Antonio (2008). Documentos galego-portugueses dos séculos XII e XIII. Monografía 5 da Revista Galega de Filoloxía. A Coruña: Departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística da Universidade da Coruña.
3.3.2. Capítulos de libros e actas de congresos
Pito, Maria Graça, Veloso, João, & Moura, Maria João (1999). “A brief approach to European Portuguese lexical terms connected with the process of Knowing: Evidence from children’s and adults’ oral productions”. En Vilela, Mário, & Silva, Fátima (eds.), Actas do 1º Encontro de Linguística Cognitiva (Porto, 29/30-5-98), 181-205. Porto: Faculdade de Letras da Universidade do Porto.
Viaro, Mário Eduardo (2002). “A sufixação nas cantigas de Santa Maria”. En IX Congresso Brasileiro de Língua Portuguesa. Dispoñíbel en http://www.usp.br/gmhp/publ/Via20.pdf (Consultado en 21.07.2016).
3.3.3. Contributos inseridos en publicacións periódicas
Monteagudo Romero, Henrique (2019). “Os pronomes tónicos oblicuos libres min e mí nos cancioneiros trobadorescos”, Revista Galega de Filoloxía, 20, 91-118. DOI: https://doi.org/10.17979/rgf.2019.20.0.5921
Martínez Lema, Paulo (2009). “Hidrotoponimia da comarca de Bergantiños na documentación do Tombo de Toxos Outos: estudo lingüístico-etimolóxico”, Ianua, 9, 195-212. Dispoñíbel en http://www.romaniaminor.net/ianua/Ianua09/08.pdf (Consultado en 18.04.2015)
GLOSSA = Ferreiro, Manuel (dir.) (2014-). Glosario da poesía medieval profana galego-portuguesa. Universidade da Coruña. http://glossa.gal/ (Consultado en 13.10.2019).
Normas aprobadas polo Consello de Redacción
Última revisión: 2021