Sobre a revista
Historia do xornal
A Revista Galega de Filoloxía créase no ano 2000 no seo da Área de Galego-Portugués da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña. Desde o ano 2017 a súa edición é exclusivamente dixital.
Temática e alcance
A Revista Galega de Filoloxía publica traballos de investigación orixinais e inéditos dedicados a algún aspecto filolóxico, especialmente os lingüísticos, do ámbito galego-portugués. A partir do seu número 23, correspondente ao ano 2022, acollerá tamén propostas vinculadas aos estudos literarios referidos ao mesmo ámbito cultural.
Á parte dos seus números ordinarios, A Revista Galega de Filoloxía dá a lume Monografías con idénticas condicións de selección que os artigos (carácter inédito, orixinalidade, revisión por pares etc.), as cales son publicadas tanto en formato dixital como en papel.
Proceso de revisión por pares
Co obxectivo de garantir a orixinalidade, a calidade e o valor científico dos traballos recibidos, a Revista Galega de Filoloxía emprega un proceso de revisión por pares anónimos e externos (double-blind peer review process).
Frecuencia de publicación
A Revista Galega de Filoloxía ten periodicidade anual e é publicada en finais de cada ano.
Sponsors
Grupo de Investigación Lingüística e Literaria Galegas (ILLA). Universidade da Coruña
Indexada en
CARHUS Plus+
CIRC
Dialnet
DICE
DOAJ
Dulcinea
ERIH Plus
ISOC
Latindex
Linguistic Bibliography
MIAR
REDIB
REGESTA IMPERII
SCOPUS
ZBD
Política de acceso aberto
A revista proporciona un acceso aberto aos seus contidos, baseado no principio de que ofrecer ao público un acceso libre ás investigacións coadxuva na proxección global do coñecemento.
As persoas usuarias poden ler, descargar, copiar, distribuír, imprimir, pesquisar ou referenciar o texto completo dos artigos ou usalos para calquera outra finalidade lícita, sen autorización previa do editor/a ou autor/a de acordo coa definición de acceso aberto da BOAI (Budapest Open Access Iniciative).
A Revista Galega de Filoloxía non cobra ás persoas que colaboran cos seus contributos ningunha taxa nin cota polo envío de traballos nin pola publicación dos seus artigos (APCs). Tampouco cobra nada ao público lector por consultar os traballos publicados.
De acordo cos principios de Ciencia Aberta, a Revista Galega de Filoloxía permite ás persoas autoras depositaren as versións finais aceptadas para publicación e copias dos artigos publicados en repositorios institucionais ou temáticos de acceso aberto. Igualmente, a revista insta os autores e as autoras dos traballos a depositaren o material complementar relativo aos datos de investigación subxacentes ás publicacións en repositorios institucionais ou temáticos de acceso aberto federados na European Open Science Cloud (EOSC).
Política de preservación de arquivos dixitais
Esta revista garante a accesibilidade permanente ao seu contido a través de diferentes procesos: a inclusión dos números publicados no repositorio institucional da Universidade da Coruña, a utilización de DOI e o permiso de inclusión dos arquivos completos en bases de datos como Dialnet ou REDIB.
Política sobre financiamento
Os autores e autoras dos artigos enviados á Revista Galega de Filoloxía deben indicar de maneira explícita cales foron, caso existisen, as fontes de financiamento da investigación publicada. Así, a información sobre os fondos ou apoios recibidos por parte de axencias ou entidades, tanto públicas como privadas, ten de ser incorporada na nota de rodapé inicial e, igualmente, nos metadatos do envío (sección 'Axencias de apoio'). Esta información debe incluír, como mínimo, o título do proxecto xunto coa referencia ou código deste e o nome do/s organismo/s financiador/es.
Política sobre uso da Intelixencia Artificial
En harmonía coas recomendacións do COPE, a Revista Galega de Filoloxía recoñece o valor da intelixencia artificial (IA) e as vantaxes que as ferramentas tecnolóxicas deste tipo supoñen como apoio na investigación e na produción científica, sempre que non foren empregadas de maneira fraudulenta e sempre que o seu uso for declarado explícita e detalladamente. A revista promove, por tanto, un uso responsábel e ético da intelixencia artificial que respecte os principios de transparencia e confidencialidade dos datos, consentindo a súa utilización de modo xeral no proceso de redacción do texto, concretamente para a corrección ortográfica e gramatical, sempre que esta for supervisada pola persoa autora, e rexeitando en todos os casos a xeración do texto de maneira automática sen supervisión de seres humanos. Do mesmo modo, a revista consente a análise de datos con ferramentas asistidas por IA que estean especializadas en investigación científica, coa correspondente revisión dos resultados por parte de seres humanos e a obrigatoria declaración dos métodos e técnicas empregados por parte das persoas responsábeis polo artigo, que deben facer constar no texto o grao de contribución das anteditas ferramentas.
Política de linguaxe inclusiva e non sexista
A Revista Galega de Filoloxía recomenda aos autores e ás autoras o uso dunha linguaxe inclusiva e non sexista, de maneira a impedir o uso discriminatorio da lingua. Así pois, a terminoloxía ou as expresións que promoveren os nesgos e preconceptos debe ser evitada, ben como a discriminación ou denigración por razóns de xénero, raza, orientación sexual ou ideoloxía, entre outras.
Na redacción dos textos debe priorizarse a utilización de fórmulas xenéricas inclusivas. A Universidade da Coruña ofrece algúns recursos para o uso dunha linguaxe non sexista que se encontran ao dispor dos investigadores e investigadoras na seguinte ligazón: https://www.udc.es/oficinaigualdade/Ligazons-e-Recursos-de-Interese/linguaxe_non_sexista/.
Política de análise sexo/xénero
Naqueles casos en que for pertinente, a Revista Galega de Filoloxía recomenda ás persoas autoras a inclusión nos traballos dunha análise sexo/xénero que dea conta da relevancia destas variábeis no deseño da investigación, na proposta metodolóxica, nos resultados, na discusión e nas eventuais limitacións. Neste sentido, as conclusións dos contributos deberían ter en conta igualmente posíbeis diferenzas sexo/xénero.
Directrices éticas
A Revista Galega de Filoloxía acredita firmemente no compromiso ético a respecto do que se consideran as boas e as más prácticas das publicacións científicas. Esa convicción ten como bases fundamentais o sinalado polo Committe on Publication Ethics (https://publicationethics.org/files/cope-publication-ethics-flowcharts-full-set.pdf) e atinxe todo o proceso editorial.
1. Responsabilidade autorial
As persoas autoras dos contributos enviados á Revista Galega de Filoloxía teñen o deber de coñeceren e manteren unha boa praxe científica.
Os traballos presentados terán de ser o produto dunha investigación, inédita, orixinal e rigorosa. Os contributos terán de incluír os materiais utilizados e os resultados obtidos cunha exposición capaz de achegar os datos suficientes para calquera especialista poder repetir as investigacións desenvolvidas e así confirmar ou infirmar as interpretacións e argumentos do traballo.
Se un autor ou autora descubrir un erro grave no seu traballo, adquire o compromiso de o comunicar á Dirección o antes posíbel.
No que se refire aos criterios para a atribución de autoría, especialmente no caso de autorías múltiplas, deben figurar como autoras todas aquelas persoas que realizasen unha contribución científica e intelectual significativa ao traballo publicado, no que se refire á concepción e deseño, á análise e interpretación de datos de investigación ou á redacción e revisión crítica do artigo. A orde na sinatura debe corresponder, nestes casos, á relevancia da contribución realizada por cada unha das persoas autoras, de maneira que o primeiro nome será o do autor ou autora co maior grao de implicación e responsabilidade no contributo.
Do mesmo modo, caso existisen outras persoas participantes na investigación cuxa colaboración non fose substancial e/ou non fose considerada significativa nos anteditos aspectos, os seus nomes deben ser citados na correspondente sección de agradecementos situado no final do artigo.
Co obxectivo de garantir o correcto funcionamento do proceso de revisión cega por pares, os autores e as autoras teñen de tomar as medidas oportunas para evitaren que a súa identidade sexa coñecida polas persoas revisoras. Con tal fin, deben eliminar os seus nomes do texto enviado, ben como as referencias bibliográficas da súa propia autoría, empregando a fórmula “Autor/a”, seguida do ano de publicación. Igualmente, a información persoal das propiedades do arquivo que se vai enviar á revista para ser sometido a avaliación debe ser eliminada.
2. Responsabilidades dos órgaos directivos e editores
A Dirección garante que os traballos presentados sexan avaliados baseándose en principios científicos. Informará o autor ou autora sobre a aceptación ou a denegación dos traballos após consultar o informe da ferramenta antiplaxio Turnitin a que son sometidos todos os traballos recibidos e, caso sexa superado este control, os informes de revisión do par anónimo de especialistas. Non terá en conta revisións de baixa calidade ou entregadas fóra dos prazos estabelecidos. Outrosí, tamén terá a potestade de rexeitar a publicación dun traballo se este non respectar a temática e o alcance da revista. A Dirección e o Consello de Redacción manterán a súa imparcialidade ao xeriren os traballos sometidos a publicación e respectarán a independencia intelectual de autores e autoras.
A Dirección, o Consello de Redacción e o par anónimo de especialistas teñen a obriga de gardaren confidencialidade sobre os textos recibidos e o contido destes até seren aceptados para a súa publicación. Ningún membro da Dirección, Consello de Redacción ou par anónimo de especialistas poderá empregar os manuscritos para o seu propio labor de investigación, excepto contando co consentimento expreso do autor ou da autora.
2.1. Decisión de publicación
Todos os traballos enviados serán avaliados inicialmente pola Dirección e/ou o Consello de Redacción de forma a decidir cales contributos cumpren co perfil da publicación. Cada traballo que se considerar adecuado será sometido á ferramenta antiplaxio Turnitin e, caso supere este control, será posteriormente enviado a dúas persoas independentes, especialistas na materia e capaces de avaliaren a calidade do texto. A Dirección é responsábel da decisión final para aceptar ou rexeitar o traballo. A decisión de o publicar basearase na súa importancia para o desenvolvemento da investigación e no seu atractivo para profesionais ou público interesado.
2.2. Identificación de condutas impropias
Caso se detectase unha má conduta científica, a Dirección é responsábel de resolver o conflito seguindo as recomendacións da COPE e poderá solicitar a colaboración do Consello de Redacción e do Comité Científico. O problema e a súa solución será debidamente documentado. A Dirección contactará co autor ou a autora para que exprese o seu punto de vista sobre a alegación e, se a má conduta científica persistir, a Dirección ten a capacidade de adoptar as medidas que estimar oportunas.
2.3. Responsabilidades do par anónimo de especialistas
A Dirección garantirá que o par anónimo de especialistas teña experiencia científica significativa no ámbito de investigación en que se encadra a proposta de publicación. Calquera persoa a quen se solicitar a avaliación dun texto ten a obriga de se retirar, conforme o seu propio xuízo, se carecer da disposición ou dos coñecementos necesarios para xulgar o inédito, se considerar que o seu informe non será obxectivo ou se xurdir algún conflito de intereses con persoas ou órgaos da Revista Galega de Filoloxía.
Solicítase ao par anónimo de especialistas que identifique os manuscritos sospeitosos de más condutas e que informe a Dirección de tales supostos.
3. Conflito de intereses
O autor ou autora deberán informar a Dirección se xurdiren conflitos de intereses directos ou indirectos cos membros do Consello de Redacción ou do Comité Científico. Por súa vez, o par anónimo de especialistas retirarase caso existisen eses conflitos a respecto dun autor ou autora ou do contido dun traballo para avaliar. Neste sentido, a Dirección terá en conta se existir se, entre algún membro do par anónimo de especialistas e un autor ou unha autora, (i) unha relación directa (ii) unha colaboración profesional significativa e (iii) un impedimento persoal, académico ou laboral para non poder ser obxectivo.
4. Retractacións e correccións posteriores á publicación
Se o autor ou a autora do artigo detectar un erro, terá de o comunicar coa maior brevidade posíbel; se o erro for detectado polo equipo editorial, este deberá pedir explicacións á persoa autora, avaliar a situación e subsanalo tan axiña como for posíbel. Se o erro afectar só unha parte do artigo, este poderá ser corrixido cunha fe de erratas ou nota de corrección. O procedemento consistiría en corrixir o artigo, acrecentar unha nota ao final coa referencia ao aviso de corrección e publicar o aviso de errata ou corrección por separado vinculado á versión corrixida.
Caso o erro afectase unha parte significativa do traballo e non puidese ser solucionado cunha corrección, a dirección poderá proceder á retractación do artigo. O procedemento para a retractación sería o seguinte: acrecentar ‘artigo retractado’ diante do título do artigo no índice do volume, agregar unha marca de auga ‘artigo retractado’ en todas as páxinas do artigo e adicionar unha nota en que a dirección da revista explique os motivos da retracción.
Actividade editorial
Actividade editorial do ano previo (2024)
Protocolos de interoperabilidade
Esta revista proporciona unha interface OAI-PMH (Open Arquives Initiative Protocol for Metadata Harvesting) que permite que outros portais e servizos de información poidan acceder aos metadatos dos contidos publicados.
Especificacións:
OAI-PMH Protocol Version 2.0
Dublin Core Metadata