É necesario rexistrarse Rexistrarse e identificarse Vaia a identificación para poder enviar artigos online e para comprobar o estado dos envíos.

Normas para autores/as

Normas da Revista Galega de Filoloxía para os/as autores/as

 

1. Cuestións xerais

1.1. A Revista Galega de Filoloxía (RGF) conságrase á publicación de traballos de investigación que desenvolveren algún aspecto lingüístico ou filolóxico do ámbito galego-portugués, como tamén á promoción e ao coñecemento da lingua no seo da sociedade. Do mesmo xeito, recensións de obras que trataren algún tema relacionado coa lingüística en xeral, ou coa galega e portuguesa en particular, serán obxecto de consideración para seren publicadas.

 1.2. Todos os traballos presentados á RGF deberán ser orixinais e inéditos, de modo que non poderán ter sido publicados previamente noutro formato ou idioma nin estarán sendo obxecto de revisión por outra revista. Para isto, o(s)/a(s) autor(es)/a(s) deberán asinar unha declaración en que se garantan estes parámetros.

 1.3. Os orixinais deberán enviarse en versión electrónica, en formato “doc.”, “docx.” ou “odt.”. A partir desta, solicitarase un informe avaliador a un comité externo de expertos mediante o sistema de revisión por pares cegos (doble-blind peer review), cuxo ditame será decisivo para o traballo ser incluído na RGF. En calquera caso, as súas observacións, se for preciso, serán trasladadas ao autor ou á autora para a súa consideración. Non se volverán os orixinais.

Caso de o traballo precisar correccións, á vista dos informes do comité externo, os autores e as autoras disporán de un mes natural para devolveren o orixinal corrixido.

 1.4. Para o proceso de edición dos contributos, a Redacción da RGF enviará aos/ás autores/as unha copia, coa finalidade de efectuaren as correccións tipográficas, ortográficas e de estilo que estimaren oportunas, sempre que non supuxeren alteracións importantes do texto, que deberán devolver no prazo máximo de 15 días naturais. Se, unha vez finalizado ese período, os autores non notificaren ningunha mudanza, entenderase que concordan coa edición.

 1.5. A lingua preferencial de publicación é o galego ou portugués, aínda que en casos especiais se admita a publicación en calquera outro idioma.

 

 

2. Redacción e organización

2.1. As colaboracións poden responder a tres modalidades, isto é, artigos, notas e recensións, tendo de se empregar tipografía Times New Roman, tamaño 12, con entreliñamento sinxelo e coas seguintes extensións (con independencia do resultado da maquetación): para os artigos, un mínimo de 10 páxinas e un máximo de 20; para as notas, un mínimo de 5 páxinas e un máximo de 8; e para as recensións un máximo de 5 páxinas. Artigos que excederen con moito o límite superior estabelecido, se a Redacción xulgar pertinente, poderán aparecer publicados no mesmo número ou dividirse e aparecer en números sucesivos da RGF.

 2.2. De acordo coa macroestrutura do texto dos artigos e das notas, en primeiro lugar, figurará o nome do artigo ou da nota en letra negra ou grosa; na liña seguinte, aparecerá o nome do/a autor/a en letra itálica e, na liña de abaixo, o centro en que desenvolve o seu traballo, tamén en letra itálica.

Os artigos e as notas incluirán un breve resumo (extensión mínima de 100 palabras e máxima de 250) e as palabras chave (aprox. 5), xunto co respectivo abstract, as correspondentes key words e o título en inglés. Así mesmo, incluirase un sumario na lingua orixinal e en inglés. Así mesmo, se o artigo estiver redixido en inglés, deberán inverterse as linguas nestes apartados.

O texto debe organizarse cun máximo de tres niveis de encabezamento, numerados de forma consecutiva, e destacados con letra negra.

No caso de que no texto haxa exemplos, estes deberán transcribirse en parágrafos á parte e con numeración arábiga entre parénteses.

Así mesmo, as tabelas, mapas, gráficos, cadros etc., se os houber, deberán estar inseridos no lugar correspondente do texto. Aliás, recoméndase o menor número de notas posíbel, que, en todo o caso, nunca deberán ir ao final do artigo, mais en rodapé, con tamaño de fonte de 10 puntos. Alén disto, se o traballo formar parte dun proxecto de investigación ou contar con algún tipo de financiamento, deberá indicarse en nota de rodapé con asterisco na primeira páxina.

Por outra parte, se se desexaren incluír agradecementos das persoas ou institucións que colaboraron na elaboración do traballo ou apéndices, estes colocaranse após as conclusións (ou os cabos) e antes das referencias bibliográficas e non levarán numeración correlativa co resto das seccións.

No final do documento deberán disporse as referencias bibliográficas citadas ao longo do corpo do traballo e tamén ausentes de numeración sucesiva. Para o sistema de referenciación bibliográfica e de citación no texto, consúltese a epígrafe “3. Sistema de citación” destas Normas.

Eis o modelo de folla de estilo:

Título

Autoría

Centro

Resumo

Palabras chave

Sumario

Title

Abstract

Key words

Contents

1. Sección

1.1. Subsección

1.1.1. Parte

Agradecementos

Apéndices

Referencias bibliográficas

2.3. Canto ás recensións, estas irán encabezadas pola referencia bibliográfica completa da obra que se comenta (Nome do/a autor/a da obra, Título, Cidade, Editora, ano, número de páxinas). Ao final, figurará o nome do/a autor/a da recensión.

2.4. No que se refire aos sinais e convencións tipográficas, sinálase o uso exclusivo e obrigatorio das seguintes indicacións:

-O uso de colchetes con reticencias ([…]) fica reservado para a elisión de fragmentos nun texto científico ou literario; de se elidir un anaco nunha citación literaria en itálica, os colchetes terán de ir en tipografía redonda normal.

-A utilización das versaletas no corpo do traballo só servirá para as etimoloxías: clavum > cravo.

-Os trazos medios (–) só se empregarán cando equivaleren ás parénteses, en canto os curtos (-) fican reservados para as enumeracións no texto e para a unión de palabras que precisaren deles.

 

3. Sistema de citación

3.1. Para garantir os estándares de calidade da Revista Galega de Filoloxía e favorecer a correcta indexación dos/as autores/as citados/as nos traballos, é preciso que as referencias bibliográficas estean ben confeccionadas. Neste sentido, o modelo de citación que se seguirá na RGF responde, con pequenas alteracións, ao estilo APA (American Physhological Association), polo que neste apartado se expoñen as directrices para citar correctamente.

3.2. Citacións e referencias no corpo do texto:

-As citacións textuais dun autor ou autora irán enmarcadas dentro do corpo do traballo, se non excederen as tres liñas, e transcribiranse entre aspas duplas altas (“”).

-Se os extractos doutras obras foren superiores ás tres liñas, disporanse con tabulación de 2 cm polo lado esquerdo e cun só espazo de entreliñamento entre o parágrafo anterior e o seguinte. Estes textos, sen aspas e sen itálica, deberán ir en tamaño 10.

-Ao final das citacións, tanto nas que forman parte do parágrafo como nas de parágrafo á parte tabulado, deberá figurar a seguir a referencia segundo o modelo (García Negro, 1991: 37). Se o enunciado xa inclúe o nome do autor, só aparecerá inmediatamente a seguir o ano da publicación e as páxinas entre parénteses (1991: 37).

No caso de existiren varios apelidos deberán citarse tal e como aparezan nas Referencias bibliográficas: (Pinto, Veloso, & Moura, 1999)

Se houber varias citacións do/a mesmo/a autor/a e do mesmo ano, recorrerase ás letras segundo este modelo: (Vilela, 1995a: 20) / (Vilela, 1995b: 7).

-Non se empregarán as abreviaturas latinas vid., íd., ibíd., op. cit. e opus cit

3.3. Referencias bibliográficas:

-Ao final do texto deberá figurar unicamente a bibliografía que se cita ao longo do traballo, encabezada pola lexenda Referencias bibliográficas, sen numeración correlativa.

-As referencias bibliográficas, ordenadas alfabeticamente e dispostas con tabulación francesa, organizaranse segundo os modelos que se detallan embaixo. Así mesmo, é preceptivo incorporar como ligazón o DOI (ou URL permanente) de todas as obras que o posúan. Para comprobar a existencia deste identificador público pode consultarse o portal de procuras de Crossref.

-Utilizaranse as abreviaturas s.a., s.l., dir(s)., ed(s), org(s)., coord(s)., para, respectivamente, indicar que na publicación non se especificou o ano ou o lugar de edición e quen se encargou da dirección, edición, organización ou coordinación. De se citaren traballos sen indicación de autoría, a referencia bibliográfica deberá comezar polo título da obra, colocado por orde alfabética.

-Caso se empreguen siglas para a citación dalgunha obra no corpo do texto, estas deberán incluírse no lugar que alfabeticamente lles corresponda seguida do símbolo = e da referencia completa da obra.

-Se un traballo estiver no prelo, deberá indicarse o ano –ou (s.a.) no caso de non ter certeza de en que ano sairá publicado– e deberá pórse “No prelo” ao final da referencia. Se for inédito, constará a palabra “inédito/a”, coa posíbel indicación do tipo de documento (tese de licenciatura, de doutoramento etc.)

 

3.3.1. Libros

a. Libros de autoría individual ou  múltipla (como autor/a, director/a, organizador/a…)

Barroso, Henrique (1999). Forma e Substância da Expressão da Língua Portuguesa. Coimbra: Livraria Almedina.

Costa Casas, Xoán Xosé, González Refoxo, María dos Anxos, Morán Fraga, César Carlos, & Rábade Castiñeira, Xoán Carlos (1988). Nova gramática para a aprendizaxe da língua. A Coruña: Vía Láctea.

Burger, Marcel, & Martel, Guylaine (dirs.) (2005). Argumentation et Communication dans les Médias. Coll. Langue et pratiques discursives. Québec: Nota Bene.

Cirelli, Renira Appa de Moraes (2005). Polidez lingüística nas conversações de Telemarketing. São Paulo: Universidade de São Paulo. http://www.tese.usp.br./teses/disponiveis/8/8142/tde-01082006-142049 (Consultado en 21.07.2016).

Cancioneiro da Ajuda (1994). Lisboa: Távola Redonda.

b. Libros con máis de unha edición

Freixeiro Mato, Xosé Ramón (2002). Lingua galega. Normalidade e conflito (5.ª edición). Santiago de Compostela: Laiovento.

Chomsky, Noam (1975). Syntactic Structures. The Hague / Paris: Mouton.

Câmara Jr., Joaquim Matoso (1975). História e Estrutura da Língua Portuguesa. Rio de Janeiro: Padrão / Prolivro.

Vilela, Mário (1995a). Ensino da Língua Portuguesa: Léxico, Dicionário, Gramática. Coimba: Livraria Almedina.

Vilela, Mário (1995b). Gramática da Língua Portuguesa: Gramática da Palavra, Gramática da Frase, Gramática do Texto. Coimbra: Livraria Almedina.

c. Obra publicada en anexos, cadernos á parte ou monográficos dunha publicación periódica

Souto Cabo, José António (2008). Documentos galego-portugueses dos séculos XII e XIII. Monografía 5 da Revista Galega de Filoloxía. A Coruña: Departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística da Universidade da Coruña.

3.3.2. Capítulos de libros ou actas de congresos

Pinto, Maria Graça, Veloso, João, & Moura, Maria João (1999). “A brief approach to European Portuguese lexical terms connected with the process of Knowing: Evidence from children’s and adults’ oral productions”. En Vilela, Mário, & Silva, Fátima (eds.), Actas do 1º Encontro de Linguística Cognitiva, 181-205. Porto: Faculdade de Letras da Universidade do Porto.

Ferreiro, Manuel (2016). “Notas sobre variación lingüística dalgunhas formas verbais de pretérito nas cantigas galego‑portuguesas (aver, fazer, põer, querer)”. En Rodríguez Guerra, Alexandre (ed.), Lingüística histórica e dialectoloxía: coordenadas do cambio. Vigo: Universidade de Vigo. No prelo.

Viaro, Mário Eduardo (2002). “A sufixação nas cantigas de Santa Maria”. En IX Congresso Brasileiro de Língua Portuguesa. http://www.usp.br/gmhp/publ/Via20.pdf (Consultado en 21.07.2016).

3.3.3. Contributos inseridos en publicacións periódicas

Carballo Calero, Ricardo (1980). “Novos testemunhos gráficos do galego decer ‘dicir’”, Verba, 7, 203-207.

Duarte, Sónia (2015). “O galego nos textos metalingüísticos portugueses (séculos XVI-XVIII)”, Revista Galega de Filoloxía, 16, 75-105. DOI: http://dx.doi.org/10.17979/rgf.2015.16.0.1379.

Castro García, Silvana (2010, 16 de novembro). “Gramática práctica da lingua galega. Comunicación e expresión”, Terra e Tempo. Dixital galego de pensamento nacionalista. http://www.terraetempo.gal/artigo.php?artigo=1036&seccion=8 (Consultado en 21.07.2016).

GLOSSA = Ferreiro, Manuel (dir.) (2014-). Glosario da poesía medieval profana galego-portuguesa. Universidade da Coruña. http://glossa.gal (Consultado en 21.07.2016).

 

Consello de Redacción

Última revisión: 21/07/2016

Declaración de privacidade

Os nomes e os enderezos de correo electrónico introducidos nesta revista empregaranse exclusivamente para os fins estabelecidos nela e non se proporcionarán a terceiros nin para o uso con outros fins.