Vol. 02 Núm. 018 (2014)
A educación ambiental, un instrumento para a divulgación e conservación do patrimonio
Un dos retos ambientais da sociedade actual é a conservación do noso Patrimonio, entendindo na súa acepción máis ampla: patrimonio natural e cultural, material e inmaterial, tanxible e intanxible. Os modelos de desenvolvemento da maior parte dos países poñen en risco moitas das veces ese Patrimonio común, base das distintas culturas e de moitos dos ecosistemas dos que depende a vida no Planeta Terra.
A Educación Ambiental como disciplina ten tamén como reto abordar desde a educación e a comunicación o problema da conservación do Patrimonio. Neste caso os instrumentos cos que conta son de tipo didáctico e comunicativo, baseados na participación e no compromiso, máis tamén na reflexión crítica e na acción directa.
Neste número da revista ambientalMENTE sustentable recóllense aportacións de distintas autoras e autores, centradas en temas diversos, que van da análise da comunicación sobre o cambio climático, até a comunicación de patrimonio tanxible e intanxible desde os Museos até as crenzas dos grupos sociais e como estas determinan as súas prácticas en contextos concretos, neste caso na Amazonía. ë interesante comprobar os puntos de encontro e sinarxias entre a “nova museoloxía” e a educación ambiental, na súa visión de empoderar á cidadanía na conservación dos valores patrimoniais.
Este número recolle traballos cun marcado carácter práctico, baseado na investigación sobre casos reais, cuxas aportacións, debates e conclusións, consideramos, son un bo punto de partida para seguir avanzando, tanto na disciplina como no reto da conservación do noso Patrimonio.
DOI: https://doi.org/10.17979/ams.2014.02.018
Publicada: 2015-03-03