AmbientalMENTEsustentable é unha publicación semestral da área de ciencias sociais, con carácter interdisciplinar (ciencias da educación, socioloxía, ciencias económicas, ciencias da natureza, ciencias da saúde, ciencias químicas, enxeñaría civil e arquitectura, ciencias xurídicas, enxeñaría informática, ciencias físicas, matemáticas etc.) editada polos Grupos de Investigación “Política Educativa, Historia e Sociedade” da Universidade da Coruña (Galicia-España), “Educação Ambiental, Comunicação e Arte” da Universidade Federal do Mato Grosso (Brasil) e o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), coa colaboración do Servizo de Publicacións da Universidade da Coruña.
Os obxectivos da revista son: divulgar as achegas de carácter científico que desde as distintas áreas do coñecemento se están a facer no ámbito da educación ambiental, abordar temas socioambientais de actualidade e presentar propostas anovadoras en que se una investigación e acción, reflexión teórica e xestión.
A revista admite colaboracións en castelán, portugués, galego e inglés; á marxe do idioma no que se reciba, todos os artigos terán unha versión en galego ou portugués e outra en castelán. Máis información no Centro de Documentación do CEIDA.
Último número
Vol. 27 Núm. 1 (2020)
Pasado, presente e futuro da Educación Ambiental
En plena pandemia sae á luz este novo número e quisemos ter unha mirada desde a Educación Ambiental á situación actual de crise ecolóxica e sanitaria; esta vez a mirada ven desde o Brasil. Mais non renunciamos a ter unha mirada máis poliédrica e desde certa distancia, polo que queremos pechar o ano adicando un monográfico ao Covid-19 desde a perspectiva da Educación Ambiental e da lusofonía.
Pasado, presente e futuro da Educación Ambiental recolle varias porpostas metodolóxicas para saber de donde vimos e propoñer cara a donde vamos. O segundo artigo é unha historia da Educación Ambiental na Catalunya vista desde dentro, vinculada á xestión, primeiro de Espacios Naturais Protexidos e na última década, desde unha perspectiva máis global, complexa e interrelacionada e, sen perder a mirada estatal e internacional: unha interesante porposta de recollida para ir sumando as historias locais e confeccionar esa historia común. Para o presente e de cara o futuro recollemos dúas aportacións que entenden a Educación Ambiental como un instrumento político para o cambio da sociedade actual, de cara a perspectivas ecosociais: un artigo desde Brasil que é unha guía metodolóxica para favorecer os cambios e un artigo desde un movemento de ciberactivismo español que mostra as inmensas posibilidades que ofrece a web 2.0 para actuar de forma coordinada.
Para rematar, a revista recolle experiencias que mostran que outro mundo é posible, a través da divulgación e a participación social, a través do coñecemento e do compromiso, a través da implicación local para a transformación global.
Publicado: 2020-06-30