A sociedade española ante o cambio climático: coñecementos e valoración do potencial de ameaza
Contido principal do artigo
Resumo
A urxencia de actuar para minimizar as consecuencias do cambio climático (CC) e para facilitar a adaptación das sociedades humanas ao seu impacto inevitable fai cada vez máis necesario considerar o “factor social” no deseño das políticas de resposta. Por “factor social” entendemos o conxunto de dimensións que definen a representación social que do CC está construindo a sociedade, desde a información científica que se integra e reelabora na cultura común, ata as valoracións sobre o seu potencial de ameaza e os hábitos asociados co problema. Este artigo explora os datos dun estudo demoscópico financiado pola Fundación Mapfre e realizado no ano 2008 sobre unha mostra representativa da poboación española de 18 e máis anos. Do conxunto de dimensións estudadas, este artigo céntrase máis en concreto na análise do balance de coñecementos e crenzas sobre o CC e na valoración do seu potencial de ameaza por parte da sociedade española.