Enfoque e alcance

O Anuario da Facultade de Dereito da Universidade da Coruña é unha revista científica de carácter xurídico orientada á difusión de traballos orixinais de investigación no ámbito do Dereito.

O seu enfoque é amplo e interdisciplinar, acollendo contribucións de todas as ramas da ciencia xurídica, así como estudos que incorporen perspectivas comparadas, internacionais ou interdisciplinares en conexión con outras áreas do coñecemento.

O Anuario ten como finalidade promover a análise crítica, o rigor académico e o avance do coñecemento xurídico, prestando especial atención a cuestións de actualidade, transformación social e desenvolvemento normativo e xurisprudencial.

A revista está dirixida á comunidade académica, aos profesionais do Dereito e, en xeral, a todas aquelas persoas interesadas no estudo e na investigación xurídica.

Periodicidade e prazos estimados de publicación

O Anuario ten unha periodicidade anual (correspondente aos meses de xaneiro a decembro), aínda que os traballos van sendo publicados na plataforma conforme superan o proceso de avaliación por pares cegos.

O Anuario da Facultade de Dereito da Universidade da Coruña comprométese a realizar o proceso de avaliación dos traballos recibidos coa maior dilixencia posible.

Con carácter orientativo, procurarase que dito proceso non exceda de tres meses desde a recepción do manuscrito completo, sen prexuízo de posibles variacións derivadas do volume de envíos, da dispoñibilidade de avaliadores ou doutras circunstancias excepcionais.

Proceso de avaliación externa por pares cegos

O Comité Editorial someterá os traballos recibidos á avaliación de expertos externos e, á vista dos seus informes, decidirá sobre a súa publicación. O proceso de avaliación será externo e o tipo de revisión será dobre cega.

As decisións serán comunicadas aos autores a través da plataforma do Anuario. No caso de que a publicación sexa rexeitada, deberán indicarse os motivos esgrimidos polos avaliadores.

As datas de envío e de aceptación de cada un dos traballos aparecerán nun lugar visible da publicación.

Se os traballos aceptados para a súa publicación non cumpren as condicións de edición expostas, devolveranse aos seus autores, concedéndolles un prazo non inferior a cinco días para realizar as correspondentes modificacións formais. Se un autor non devolve en prazo o traballo debidamente corrixido, entenderase que renuncia á súa publicación no Anuario.

O feito de publicar no Anuario non impide que o autor proceda a posteriores publicacións noutros medios, sempre que faga constar a súa previa aparición nesta revista.

O Anuario non se identifica necesariamente co contido das opinións expresadas polos autores nos traballos publicados, sendo estes os únicos responsables do seu contido para todos os efectos.

Garantías de autoría e orixinalidade

Os autores garanten que os traballos enviados:

son orixinais e inéditos,
non se atopan en proceso de avaliación noutras publicacións,
e non infrinxen dereitos de terceiros.

Así mesmo, os autores responsabilízanse do contido dos seus traballos.

Código ético

Esta publicación adhírese ao Código de Conduta e aos principios de boas prácticas establecidos polo Committee on Publication Ethics no Code of Conduct and Best Practice Guidelines for Journal Editors.

Sistemas de detección de plaxio

As achegas remitidas ao Anuario serán obxecto de análise a través dun software específico de detección de plaxio. Non se aceptarán traballos que presenten un resultado igual ou superior ao 50 % de contido non orixinal, salvo que a natureza do traballo así o xustifique.

Política de acceso aberto, dereitos e licenzas

Os autores que publican no Anuario da Facultade de Dereito da Universidade da Coruña conservan a titularidade dos dereitos de propiedade intelectual sobre os seus traballos.

Mediante a aceptación para a súa publicación, os autores autorizan ao Anuario, con carácter non exclusivo, a reproducir, distribuír e comunicar publicamente os artigos, incluíndo a súa posta a disposición en formato electrónico e en acceso aberto.

Os contidos do Anuario difúndense en réxime de acceso aberto baixo a licenza Creative Commons Recoñecemento-CompartirIgual 4.0 Internacional (CC BY-SA 4.0), que permite o seu uso, distribución, reprodución e transformación, sempre que se cite adecuadamente a autoría e a fonte orixinal, e se manteña a mesma licenza nas obras derivadas.

Os autores poderán reutilizar os seus traballos con fins académicos ou científicos, sempre que se recoñeza a súa publicación orixinal no Anuario.

Indexada

Latindex 2.0
Dialnet Plus
Dulcinea
ULRICHS
DICE
Carhus+2018
MIAR
CIRC 2023

Protocolos de interoperabilidade

O AFDUDC incorpora protocolos de interoperabilidade que permiten aos seus contidos seren recolectados por outros sistemas de distribución, como repositorios dixitais e recolectores (harvesters). As revistas publicadas mediante OJS incorporan o protocolo OAI-PMH, que permite obter metadatos en distintos formatos.

Servizos de interactividade co lector

O AFDUDC permite o envío de alertas de publicación, foros de contido e comentarios.

Estatísticas

O AFDUDC proporciona na súa páxina web unha listaxe de artigos máis vistos e máis descargados, indicando o número de descargas ou visitas.

Políticas de preservación dixital

O equipo da revista conserva en disco duro externo dúas copias de cada número. O SPU conserva cada ano unha copia de todos os números en discos duros externos.

Entidade editora da revista

Servizo de Publicacións da Universidade da Coruña

Campus de Elviña, Edificio Xoana Capdevielle. 15008 A Coruña - España

email: anuario.dereito@udc.es

Historial da revista

O Anuario da Facultade de Dereito da Universidade da Coruña é unha publicación anual que, desde o ano 1997, ofrece a Universidade da Coruña ás persoas que desenvolven a súa actividade no ámbito xurídico.

A revista naceu cunha vocación interdisciplinar, co obxectivo de recoller achegas nacionais e internacionais de investigadores das áreas xurídico-sociais. Isto reflíctese nos sumarios dos distintos números publicados, que contan cunha ampla sección de artigos doutrinais de temática moi diversa.

Os volumes 1-16 (1997-2012) están accesibles en: http://ruc.udc.es/dspace/handle/2183/1886