Attilio Pontanari Maestrini: O precursor da educación física en Compostela no declinar do século XIX

Palabras chave Attilio Pontanari Maestrini, Emilia Rodríguez Fariña, educación física, ximnástica, Real Sociedade de Amigos do País de Santiago

Resumo

Attilio Pontanari Maestrini foi o precursor da educación física en Compostela; a súa orixe era italiana e alí formárase na escola florentina de ximnasia. En 1879 chegou á Coruña onde coñeceu a Emilia Rodríguez Fariña, coa que se estabeleceu na cidade e formou unha familia. Na Coruña comezou a exercer de profesor de ximnasia e ortopedista e en 1883 deu a coñecer ese labor en Compostela. Anos despois, un grupo de médicos da Real Sociedade de Amigos do País de Santiago propuxo crear unha escola de ximnasia no seo desa entidade; para organizala e dirixila foi nomeado Attilio Pontanari. A escola foi inaugurada en 1889 e nese mesmo ano instalouse coa súa familia en Compostela, onde tamén puxo en marcha un ximnasio privado. A escola de ximnasia funcionou durante case cinco anos aplicando métodos ximnásticos baseados na forza e a esgrima. En 1893 Pontanari foi nomeado profesor de ximnasia do Instituto de Pontevedra, polo que acabou deixando a súa actividade en Compostela para se trasladar á mencionada cidade.

Publicado
2019-07-05
Como citar
Antas Ramos, X. (2019). Attilio Pontanari Maestrini: O precursor da educación física en Compostela no declinar do século XIX. Sarmiento. Revista Galego-Portuguesa De Historia Da Educación, 22, 171-188. https://doi.org/10.17979/srgphe.2018.22.0.5486
Sección
Estudos